• Poderán ser nomeados todos os xogos lanzados ao mercado entre o 1 de xaneiro de 2022 e o 31 de decembro de 2022, ambas datas incluídas.
  • Só computarán os xogos que tivesen o seu lanzamento completo nesa franxa temporal. Non se poderán nomear reedicións, lanzamentos tardíos noutras plataformas, betas ou accesos anticipados.
  • Os remakes completos si poderán ser nomeados.
  • Se o xogo se lanzou orixinalmente sen localización ás linguas propias noutro ano, contarase a data na que pasou a estar dispoñible a localización.
  • É obrigatorio que os xogos nomeados estean debidamente acreditados con todos os membros do equipo de localización. De non ser así, darase un tempo de graza para que se solucione a situación antes de descartar o título.
  • Non se permitirá a interferencia ou o contacto e manipulación dos xurados na segunda e na terceira fase. Todo intento de contacto para tentar favorecer un xogo suporá a eliminación directa do mesmo.
  • O profesorado do Título Propio de Especialista en Tradución para a Industria do Videoxogo (ETIV) está composto por profesionais en activo e, por tanto, poden ser susceptibles de ver nomeado algún dos seus traballos. Porén, aínda que os premios xurdan deste título, o profesorado do mesmo non poderá participar de ningún xeito nin poderá achegar valoracións ou suxerir nada aos xurados. Se calquera docente tenta influír nos premios, todos os seus xogos serán descartados inmediatamente.
  • Cóntase en todo momento coa boa vontade e a xustiza dos diferentes xurados. O seu compromiso é o de ser legais e premiar aos produtos que consideren que de verdade o merecen en cada categoría, independentemente de quen fose a xente responsable dos mesmos.