Os Premios ETIV-UVIGO son uns galardóns institucionais organizados pola Universidade de Vigo e o grupo de investigación TI4 Tradución & Paratradución (T&P), dentro do marco de actividades do Título Propio de Especialista en Tradución para a Industria do Videoxogo (ETIV) e do Máster en Tradución para a Comunicación Internacional (MTCI). O Título Propio de ETIV foi creado e estreado por un grupo de profesores do Grupo de investigación Tradución & Paratradución (T&P) durante o curso 2018/2019, co obxectivo de ampliar a formación que se imparte na materia Tradución de videoxogos do MTCI dende o curso 2013/2014 na Facultade de Filoloxía e Tradución da Universidade de Vigo. O grande éxito do título, xunto co traballo con empresas en activo do mercado da localización, levou á creación destes premios, coa fin de seguir estreitando a relación entre o alumnado e este ámbito profesional.

Con eles quérese recoñecer o bo traballo das persoas do oficio da localización de videoxogos, un eido de grande relevancia na actualidade que é xa un mercado profesional de grande capacidade empregadora, porque o desenvolvemento dun videoxogo involucra, segundo o caso, dende a unha única persoa até un milleiro delas. Neste aspecto, o eido da localización adoita ser un dos máis descoñecidos, malia a grande importancia que posúe a correcta adaptación do produto orixinal ás linguas meta.

De aí que, con estes premios se pretenda non só dar ese recoñecemento ás mellores producións do ano, senón tamén ofrecerlles visibilidade ás persoas que desempeñan ese labor de localización, apoialas na súa loita por unha adecuada acreditación do seu traballo e darlles un pulo ás linguas propias das diferentes comunidades históricas.