Proceso
Coa intención de que os premios ETIV-UVIGO gocen da maior transparencia posible, o proceso constará de tres fases diferenciadas e serán revisados por colaboradores nosos especializados neste ámbito.
Primeira fase: votación pública
A primeira fase está aberta a todo o mundo que desexe participar no nomeamento dos seus títulos favoritos do ano. Isto é posible grazas ao asesoramento de DoblajeVideojuegos e a cadencia de votación irá en paralelo coas da primeira fase dos seus premios anuais. As persoas interesadas en participar poderán escoller algún dos xogos xa introducidos na plataforma (grazas á base de datos facilitada pola revista GameReactor), ou ben engadir algún outro non presente na base de datos.
Desta primeira fase, que estará aberta durante unha semana (nunha data por determinar a comezos de xaneiro), elixiranse os dez títulos máis votados polas persoas usuarias en cada unha das categorías, que serán os que pasen á segunda fase.
Segunda fase: xurado do alumnado ETIV
Unha vez que se determinen os dez xogos nomeados en cada categoría, dará comezo a segunda fase. Nela, o alumnado do Título de Especialista en Tradución para a Industria do Videoxogo (ETIV) escollerá os tres títulos finalistas das categorías «Mellor localización de xogo con dobraxe», «Mellor localización de xogo sen dobraxe» e «Mellor localización de xogo indie»; as categorías de «Xogo máis accesible», «Mellor xogo en galego», «Mellor xogo en catalán» e «Mellor xogo en éuscaro», ao ter menos títulos posibles, pasarán directamente ao xurado das diferentes categorías; o alumando do ETIV poderá axudar igualmente a completar a lista de nomeados nelas.
Terceira fase: xurado final
A terceira fase será a que contará cun xurado final composto por persoas profesionais da prensa especializada e profesorado universitario de tradución. Co obxectivo de ter a máxima imparcialidade posible na avaliación, evitarase a participación de profesionais da tradución ou de xente vinculada dalgún xeito co mundo da localización, con axencias ou mesmo con empresas de desenvolvemento. Os xurados están compostos por tanta xente da prensa coma profesorado universitario, de tal xeito que haberá dous puntos de vista: o das persoas expertas do mundo do videoxogo que saiban recoñecer que é o que mellor se adapta ao produto en cuestión; e o dos profesionais académicos do mundo da tradución que saiban recoñecer as complexidades e dificultades propias do proceso de localización.
Nesta fase haberá tres finalistas por categoría, dos cales os xurados elixirán un para que sexa o gañador definitivo da mesma.
Gala final de entrega de premios
Os títulos gañadores daranse a coñecer nunha gala que terá lugar na Universidade de Vigo no primeiro semestre de cada ano, ao se completaren as fases anteriores e logo de darlle un tempo prudencial aos xurados. O premio recoñecerá o traballo de toda a xente involucrada no proceso de localización, tanto nos labores de tradución, revisión ou control de calidade coma nos de xestión do proxecto.